Protocolos para a prevención e tratamento de situacións de acoso sexual e por razón de sexo, acoso laboral e discriminación ilícita no traballo
A Lei Orgánica 3/2007 do 22 de marzo para a Igualdade efectiva de mulleres e homes, no seu artigo 48, establece a obrigación para todas as empresas de promover condicións que eviten o acoso sexual e o acoso por razón de sexo, arbitrando procedementos específicos para a súa prevención e para dar leito ás denuncias ou reclamacións que poidan formular as persoas que fosen obxecto do mesmo.
O que implica, na práctica, a necesidade de dispoñer dun protocolo contra o acoso que sempre debe ser negociado coa representación legal do persoal. Doutra banda non se pode esquecer que o recoñecemento desta obrigación de previr calquera tipo de acoso na empresa xa existía desde a lei de PRL.
Esta obrigación legal afecta a todas as empresas sen excepción. Toda empresa, por pequeno que sexa o seu cadro de persoal (mesmo de 1 só traballador/a), debe ter negociado e articulado, en cada un dos seus centros de traballo, o seu propio protocolo para a prevención e tratamento das situacións de acoso laboral, sexual, por razón de sexo e calquera forma de discriminación ilícita no traballo.
O incumprimento da devandita obrigación atópase tipificado como constitutivo de Infracción Moi Grave nos apartados 12, 13 e 13 bis do art. 8 da lei LISOS.